Lama López, Maria XexúsBotana Vilar, María JesúsMariño Gómez, Claudia2025-01-302025-01-302023978-989-9127-57-9http://hdl.handle.net/10400.1/26698A literatura galega comeza o seu renacer no século XIX nun contexto de reivindicacións nacionalistas que é un eco do movemento que percorre toda Europa dende mediados do século XVIII. Ante a necesidade de xustificar a defensa dunha identidade colectiva diferenciada, imponse o proxecto de recuperar unha historia silenciada e terxiversada dende a cultura hexemónica con intención asimiladora e uniformizadora. Xorde así a través do discurso histórico a postulación da orixe celta do pobo galego, unha idea que funcionará como mythomoteur1 no que se fundamenta a formación discursiva nacionalitaria e que, dende o eido da ideoloxía, se transfire inmediatamente á creación literaria adquirindo unha dimensión estética fundamental. Este mito ten unha eficacia interna extraordinaria para a formación do imaxinario colectivo galego e para a formación discursiva nacionalista, xa que serve para proporcionar unha etnia de identificación —a dos pobos celtas— e, ao mesmo tempo, unha etnia de exclusión fronte á cal pode afirmarse o novo grupo, pois a Galicia celta érguese fronte ao resto da Península de orixe ibera. Seguindo a análise semiolóxica do mito que propón Barthes nas súas Mythologies, no caso do mito celta o "significante" —a reivindicación da orixe celta de Galicia— preséntase unido de maneira natural ao "concepto" —a nacionalidade galega—. A relación que une o concepto do mito á forma é, basicamente, unha relación de deformación (Barthes, 1957: 207) que, neste caso, transmuta a historia en natureza; así pois, o significante parece dar lugar ao significado —a orixe celta xustifica a existencia da nación—, cando en realidade o mecanismo que funciona para crear o mito é o contrario: a necesidade de demostrar a existencia da nación esixe a crenza nun pasado común dende as orixes máis remotas.mulVolume IIApropiación cultural e contradiscurso históricoA materia Aartúrica na literatura Galegabook10.34623/typg-c747